As bonecas

Sobre nós

"As dúas en punto" é unha colección de bonecas feitas a man inspiradas en Maruxa e Coralia, as Marías de Compostela. Son tamén unha humilde homenaxe que, a través das nosas pezas, queremos renderlles a estas dúas mulleres transgresoras e valentes e unha pequena achega para o rescate da súa memoria.

As dúas en punto somos Vanesa Abelairas e Aymará Ghiglione, deseñadoras e fotógrafas galegas.

Maruxa e Coralia

Polos anos sesenta, eu tamén vía aos mediodías pola Rúa do Vilar aquelas mulleres excesivamente rechamantes con careta de maquillaxe. “Aí van as dúas en punto”, diciamos e riamos. Eu tamén me ría do estrafalario paseo de Coralia e Maruxa Fandiño, ás que tamén chamaban “As Marías”. Case mediados os noventa, dei coas esculturas que teñen no parque da Alameda. Seguía ignorando canta valentía tiña aquel desafío a unha sociedade privada de liberdades. Non sabía aínda ver de que cicatrices manaba un comportamento tan retador. Levaban dentro o drama da violencia das escuras forzas do franquismo. Asasináranlles un irmán e trataron de que confesasen onde estaban outros dous que fuxiran para salvarse.

Sufrían entradas e alteracións na súa casa, e sacábanas para as espir na rúa ata que eles apareceron anos máis tarde. Tamén sufriu a súa economía de costureiras cando a clientela deixou de lles dar traballo por medo a relacionarse cunha familia perseguida por anarquista. A xente de ben deixaba algún diñeiro nas tendas onde compraban o elemental para subsistir, porque era así como aceptaban a axuda.

As bonecas Coralia e Maruxa non pretenden ser só un obxecto decorativo. Queren dar noticia dos feitos que as converteron nun símbolo de rebeldía contra toda represión.

Helena Villar Janeiro